Comité de Bioseguridade
Velando por unha investigación 100 % segura e responsable.
Algunhas das nosas investigacións máis innovadoras requiren en ocasións de experimentación con organismos e axentes biolóxicos, tales como especies invasoras ou axentes patóxenos, que precisan de medidas especiais en canto a instalacións e procedementos de traballo que garantan a seguridade e saúde tanto do persoal do centro como do medio ambiente e as comunidades que viven na zona.
O Comité de Bioseguridade (CB) do IIM-CSIC é un grupo multidisciplinario de profesionais que se aseguran do estrito cumprimento das normas de bioseguridade pertinentes. Isto ten lugar tanto antes do inicio como durante todo o desenvolvemento daqueles proxectos que impliquen organismos especialmente sensibles.
O CB encárgase da avaliación de riscos biolóxicos asociados con cada nova proposta de inicio de actividade. En función da devandita avaliación de riscos, encárgase tamén de avaliar as instalacións existentes para comprobar que son axeitadas e que cumpren cos requisitos de bioseguridade; tamén é responsable de notificar ás autoridades competentes as actividades levadas a cabo no Instituto, especificando o tipo de axentes biolóxicos implicados.
O comité tamén vela polo correcto cumprimento das normas e protocolos oportunos, así como polo mantemento dos estándares necesarios nas instalacións que se vaian utilizar. Por último, é tamén misión do CB facilitar actividades formativas e informativas relativas á bioseguridade a todo o persoal implicado en actividades de risco.
Xunto co resto de comités que conforman a Unidade de Prevención, Seguridade e Ética (UPSE), o Comité de Bioseguridade garante un uso ético e responsable de organismos altamente sensibles, contando sempre co asesoramento do Comité de Ética e Bioseguridade do CSIC e cumprindo coas normativas establecidas polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e pola Asociación Europea de Bioseguridade (EBSA, polas súas siglas en inglés).