O Instituto de Investigacións Mariñas vén de asinar, o pasado día 1 de marzo no Consello da Cultura Galega, unha declaración pola que se marca este día, 9 de marzo de 2023, como o I Día do Naturalismo Galego.

O día escollido recorda o nacemento de Pedro José García Balboa, coñecido como o Padre Martín Sarmiento. Posiblemente, o naturalista máis relevante da nosa terra, pioneiro en moitos aspectos no estudo da contorna natural.

Alén da declaración, que recollemos unhas liñas máis abaixo, no Instituto de Investigacións Mariñas queremos remarcar a nosa importante poxa pola protección da Natureza e polo recoñecemento do gran valor que ten o seu estudo.

O naturalismo foi, e segue sendo, crucial no avance do coñecemento científico e no diálogo entre ciencia e sociedade. Na defensa do coñecemento científico, baseado na observación e na experimentación, subxace tamén unha defensa do propio Naturalismo, a base en moitos casos do método científico que hoxe enmarca a nosa actividade. 

O naturalismo foi, e segue sendo, crucial no avance do coñecemento científico e no diálogo entre ciencia e sociedade.

O Naturalismo, como afección polo estudo da Natureza, pode distar hoxe, en varios aspectos, do traballo que realizaba o Padre Sarmiento no século XVIII; mais dende o IIM vemos unha clara conexión actual cun fenómeno que, nos últimos anos, destaca pola súa capacidade de democratizar e mellorar a ciencia que facemos.

A ciencia cidadá, como xeito de participación da cidadanía en ciencia, descansa en moitas ocasións na mesma curiosidade, pasión e rigorosidade que acompañaron os traballos realizados polo estudoso galego e que son os alicerces da práctica do naturalismo. Gran parte da cidadanía síntese xa chamada a participar, dunha forma máis activa, na creación dun coñecemento que é de todos e todas.

Para o noso Instituto, este novo día de conmemoración, este 1ª Dïa do Naturalismo Galego, é un bo recordatorio da importancia de seguirmos a interactuar coa sociedade, de continuar establecendo lazos coa nosa comunidade para que, coma nós, dean renda solta á paixón por este mundo que nos rodea, animándose a estudalo dende o prisma do naturalismo e do coñecemento científico.

Inspirados pola figura dos que, como o Padre Sarmiento, viñeron antes ca nós e ilusionados pola paixón que a Natureza e a Ciencia espertan en persoas de todo o mundo, desexámosvos un moi feliz Día do Naturalismo Galego.

Declaración do 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego

1.3.2023, Consello da Cultura Galega

9 de marzo, Día do Naturalismo Galego

Para as entidades abaixo asinantes, é unha auténtica honra participar neste acto de homenaxe e de reivindicación.

De homenaxe porque o vindeiro 9 de marzo se conmemora o natalicio en 1695 do primeiro sabio estudoso da natureza de Galiza: Pedro José García Balboa, isto é, o Padre Martín Sarmiento, a quen podemos considerar o primeiro naturalista histórico galego.

E de reivindicación porque o estudo da natureza de Galiza precisa de maior recoñecemento social e político, para garantir a súa inclusión nos currículos escolares e universitarios e nas políticas comúns.

Non de balde, o Padre Sarmiento, como xa sinalara o botánico Miguel Colmeiro, foi devanceiro na España do século XVIII en clamar pola necesidade dos estudos de Historia Natural.

Desde este 2023, o día 9 de marzo non debería ser unha xornada máis: desexamos que sexa o primeiro Día do Naturalismo Galego, o día de Sarmiento, e instamos a que figure en almanaques e nos programas escolares, que apareza nas redes sociais e na prensa, e que sexa un día para achegármonos á natureza e para que a natureza se achegue a nós.

O Padre Sarmiento valoraba a natureza e era consciente da importancia que posuía o seus coñecemento científico para a saúde pública e para o comercio. Así nolo deixou testemuñado nos seus escritos, moitos aínda inéditos, que destilan unha erudición infinita non exenta dunha enorme capacidade de observación, análise e síntese. Ciencia de calidade nuns tempos difíciles.

Agora, no século vinte e un, grazas en parte ao traballo de divulgación do mestre Rafael López Loureiro dende o seu blogue Ao noroeste do Noroeste,  Sarmiento e o seu labor naturalista volven saír á palestra.

E merecidamente: Sarmiento e o estudo da natureza están de actualidade, nunha época escura e triste para a conservación do noso patrimonio natural, que día a día perde hábitats e ve deturpar biotopos, machucados por centos de parques eólicos, milleiros de quilómetros de fíos de electricidade, millóns de eucaliptos e un case infinito descoñecemento social da biodiversidade que nos rodea. Lamentablemente, e doe dicilo, Galiza é un país sen educación ambiental.

Esperamos que o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado.

Este ano e sempre.

Viva a Natureza! Viva a Ciencia! Viva Sarmiento!

More