Santiago de Compostela, venres 03 de novembro de 2023. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desenvolve desde hoxe un amplo programa de actividades para conmemorar en Galicia a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2023, o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas e CULTURGAL.

As iniciativas están promovidas desde a Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica (UCC) e por institutos do Consello na comunidade autónoma.

Actividades no marco da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía

O programa arrinca hoxe, 3 de novembro, en Viveiro con “Xornada Microbios: Compañeiros invisibles”, iniciativa liderada pola UCC do CSIC en Galicia no marco da colaboración co Consello da Cultura Galega para achegar a investigación que se desenvolve en Galicia a localidades afastadas das grandes capitais galegas. Nesta ocasión, levará a cabo un coloquio para achegar a microbioloxía á cidadanía, impartido por Marta López Cabo, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), e Jesús López Romalde, da Universidade de Santiago de Compostela. Estará moderado pola responsable da UCC do CSIC en Galicia, Luisa Martinez Lorenzo.  Contará coa presenza de María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro, e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.  Diríxese ao público xeral e será ás 20.00 horas na Casa do Concello con entrada libre ata completar aforo.

Mañá, sábado 4 de novembro, ten lugar outra proposta divulgativa coordinada pola UCC do CSIC en Galicia. Trátase de “Obradoiro de Ilustración Científica”, impartido por Carmen Vega, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e ilustradora. Terá lugar na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, de 11.00 a 13.00 horas. Diríxese a público maior de 16 anos. As persoas participantes crearán as súas propias ilustracións partindo de nocións básicas de debuxo naturalista e de técnica en acuarela, tendo como tema as especies vexetais da zona. É gratuíta previa reserva.

A MBG, pola súa banda, promove o concurso escolar de debuxo “Os cereais”, no marco do “Ano Internacional do Mijo”, declarado pola Organización das Nacións Unidades. Colaboran a Delegación do CSIC en Galicia e a Estación Fitopatolóxica Areeiro-Deputación de Pontevedra (unidade asociada á MBG) e participan a Sociedade de Ciencias de Galicia, ENCE Enerxía e Celulosa e o Liceo Casino de Pontevedra.

Os debuxos, de escolares de entre 6 e 11 anos de centros de ensino de toda España, mostraranse no Liceo Casino de Pontevedra do 13 ao 17 de novembro, día en que se fará público o fallo do xurado e a entrega de premios nun acto aberto ao público xeral. Os debuxos premiados publicaranse, ademais, no Boletín da Sociedade de Ciencias de Galicia. O 22 de novembro o Liceo Casino acollerá unha conferencia impartida por Amando Ordás, profesor ad honorem do CSIC, sobre “Os Cereais”.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) participa coa IV edición do concurso escolar de debuxo “Xosé Antón García G.- Ledo. Debuxando ou noso patrimonio”, dirixido a alumnado de 1º de Primaria a 4º de ESO, quen pode participar cun debuxo dun monumento ou dun elemento deste que teña valor histórico, arqueolóxico ou patrimonial, da cidade de Santiago de Compostela. O 30 novembro, no IEGPS, terá lugar o fallo do xurado e a entrega de premios.

A esta proposta únese “Os nosos castelos: A Limia, terra de Torres” iniciativa financiada pola Axencia Turismo de Galicia, e cuxo cometido é colaborar coas institucións locais da zona na difusión do seu patrimonio señorial, centrado, nesta edición, nas torres e fortificacións da Limia medieval. Para iso realízanse dúas accións: a primeira, unha exposición de paneis interactivos ao redor das torres da Limia medieval que estará aberta ao público na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, do 17 de novembro ao 17 de decembro. A segunda, un concurso escolar de debuxo e talleres de heráldica, impartido por persoal do IEGPS, para o alumnado de centros escolares da comarca.

O Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) realiza o 9 novembro unha visita guiada ás súas instalacións e un taller de arqueoloxía experimental na sede da Fundación Down. O 16 de novembro, tamén con usuarios da Fundación Down, unha visita guiada a Castrolandín. A esas propostas únense talleres en centros escolares: CPR San Fermín (Caldas) e IES Xelmírez II (Santiago).

O Centro Oceanográfico de Vigo promove “Á calor do mar nun bar”, charlas científicas que terá lugar o 16 de novembro ás 20.30 horas en Vitruvia Café (Praza de Compostela, 5, Vigo). Estarán impartidas por persoal investigador e técnico. A entrada é libre ata completar aforo. Pola súa banda, o Centro Oceanográfico da Coruña ofrece visitas guiadas ás súas instalacións. O 8 de novembro participará a Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña e o 22 de novembro alumnado de 1º de Bacharelato do IES Salvador de Madariaga.

Actividades con motivo do Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia

O CSIC levará a cabo, na Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela), unha serie de actividades os sábados de novembro (17.00 horas) para conmemorar o Mes da Ciencia en Gallego na Biblioteca de Galicia. Están coordinadas desde a UCC do CSIC en Galicia e contan coa participación da MBG, IIM e INCIPIT. Son gratuítas previa reserva na web da Cidade da Cultura.

4 de novembro. “Atopa a especie”, actividade, dirixida ao público con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Acompañados pola UCC, os asistentes poderán descubrir a tremenda diversidade de animais no mundo do océano mentres gozan combinando imaxes de peixes, crustáceos e outros habitantes do mar. A medida  que se mergullan no xogo, tamén coñecerán as diferentes especies mariñas que se atopan nas augas galegas. Con cada carta deste xogo de memoria aprenderán unha breve e divertida descrición das especies correspondentes, fomentando o coñecemento e uso dos nomes comúns en galego, enriquecendo o seu vocabulario e a súa conexión coa fauna e flora da súa contorna, para aprender sobre a ciencia que se fai no IIM a través dun xogo tipo memory.

11 de novembro. “O roteiro da mámoa”. Taller promovido desde o INCIPIT, dirixido ao público familiar e inspirado no Xogo da Oca, adaptado a prehistoria.

18 de novembro. “Scape-room: Biomisión”. Actividade promovida pola MBG e dirixida ao público con idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos. Os participantes terán que enfrontarse a desafíos para, nun contexto imaxinario de desaparición de cultivos, atopar as últimas sementes viables e conseguir cultivalas en condición extremas.

25 de novembro. “Arqueoloxía dos sentidos”. Taller promovido polo INCIPIT para o público con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos. A través dunha serie de materiais pertencentes á prehistoria e réplicas dos que aparecen nas escavacións, os participantes coñecerán como se vivía naquela época.

Actividades con motivo de CULTURGAL

“O Ratón Pérez” volve visitar CULTURGAL da man da UCC do CSIC en Galicia, coa X Campaña de Recollida de Dentes do Ratón Pérez, iniciativa que parte dun proxecto de investigación para reunir o máximo número de pezas dentais para ampliar a colección de referencia do Grupo de Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH).

A participación nesta campaña consistirá na doazón do dente ou de dentes de leite (deciduos) xunto coa achega dunha serie de datos detallados que quedarán recollidos nun formulario. A información obtida servirá para realizar importantes investigacións no ámbito paleoantropolóxico e forense.  Todas as persoas doantes e as familias ou titores legais dos menores, deberán asinar un permiso de doazón. A participación das familias é imprescindible, pois se necesita recoller o maior número de dentes para entregarllos ao persoal científico do CENIEH. A cambio da súa colaboración, o menor recibirá un diploma honorífico do CENIEH, distinguíndoo como membro do Equipo de Investigación de Axudantes do Ratón Pérez. Este ano a recollida efectuarase o 3 de decembro en pases de 12.00 a 17.00 horas, coincidindo coa protección dunha película.

O IEGPS, en colaboración coa UCC do CSIC en Galicia, leva a cabo en CULTURGAL o xogo “Buscando ao Seminario de Estudos Galegos”.

More