O vindeiro 03 de maio en Santiago de Compostela, celebrarase a II Asemblea Xeral do Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia, coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas xunto co CETMAR e a Universidade de Vigo.

A xornada parte coa vista posta nos seguintes obxectivos:

  • Visión integrada da actividade e avances científicos nos PTs.
  • Visibilización das colaboracións establecidas entre PTs e as oportunidades derivadas das mesmas. 
  • Dinamización dun “espazo” colaborativo para a identificación e promoción de novas oportunidades.

Francisco Saborido Rey, director do IIM-CSIC, abrira esta xornada coas presentación da orde do día e aspectos práctico da xuntanza. 

Descarga o programa da xornada

O Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia

O Programa en Galicia busca a colaboración entre a comunidade investigadora galega e o tecido social e económico das actividades vinculadas ao mar na comunidade: a Galicia do Mar.

Desenvolto coa colaboración en rede de máis de 250 membros da comunidade científica galega, organízase en 11 Paquetes de Traballo (PTs) que xiran en torno a 3 grandes liñas de actuación.

A primeira liña persegue o establecemento de novas  tecnoloxías, a integración de datos e o desenvolvemento dunha estratexia duradeira para a mellor observación e monitorización do mar e o litoral galego e dos seus recursos.

En segundo lugar, o Programa procura unha maior sustentabilidade e eficiencia da acuicultura galega, mellorando os cultivos e a monitorización do seu estado para a prevención de riscos alimentarios, producindo novas ferramentas para suplir o abastecemento sostible de semente, e apostando pola mellora do benestar animal e por novos sistemas de cultivo como a Acuicultura Multitrófica Integrada (IMTA).

A terceira grande liña de actuación busca unha profunda coordinación de todos os paquetes de traballo, buscando unha transformación real e estrutural da realidade económica e social da Galicia do mar co fomento da cultura científica, a transferencia e a capacitación.

O Programa está dotado con 10 millóns de euros dos cales 6 proveñen do Ministerio de Ciencia e Innovación e 4 da Xunta de Galicia. Forma parte do Programa Complementario de Ciencias Mariñas previsto polo Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR; fondos NextGeneratioEU). Contará, ademais, con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP/FEMPA).

Ademais de Galicia, outras 6 Comunidades Autónomas están a desenvolver os seus programas de Ciencias Mariñas: Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Islas Canarias, Illes Balears e Murcia.

Á fronte da coordinación do programa, ademais de Fran Saborido Rey do IIM-CSIC, están Rosa Fernández, do CETMAR, e Daniel Rey da Universidade de Vigo.

More