Únete ao IIM-CSIC | Axudas á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia 2024
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo (IIM-CSIC) ofrece 1 tema de investigación para solicitar un contrato pre-doutoral de máximo 4 anos de duración connosco, dentro do programa da Axudas de Apoio á Etapa de Predoutoral da Xunta de Galicia 2024.
A candidata ou candidato deberá ter rematado os seus estudos de acceso ao doutoramento (acreditar o título oficial de mestrado e, no caso da liña ofertada no IIM, ter licenciatura ou grao relacionado con Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar relacionado con Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar). O grao debeu ser acadado despois do 1 xaneiro de 2020. Así mesmo, deberá estar matriculada/o nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o curso 2023/2024.
No caso da liña ofertada nesta convocatoria polo IIM-CSIC, a nota media mínima esixida é 8.0
O IIM-CSIC é un dos institutos punteiros en investigación mariña de España e ofrece un ambiente ideal para fomentar e consolidar a traxectoria de investigadores en diferentes etapas da súa carreira investigadora. Únete ao Instituto e impulsa a túa investigación con nos!
Por que o IIM?
O Instituto pertence ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a maior organización de investigación pública de España, a terceira de Europa e a sétima do mundo. O IIM-CSIC é un dos institutos líderes en investigación mariña en España, cunha actividade diversa e unidades estratéxicas propias de Internacionalización, Transferencia e Cultura Científica. Con sede na cidade de Vigo, ofrecemos unha contorna de investigación dinámica que impulsa a carreira do noso persoal, ampliando as súas redes de colaboración e aumentando o seu impacto real na sociedade.
Un proxecto para impulsar a túa carreira!
O IIM-CSIC, como institución mariña dedicada á procura de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar, respondendo aos retos globais e ás problemáticas locais, para permitir unha comprensión integral dos ecosistemas mariños.
En canto á convocatoria de Apoio á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia, a seguinte investigadora amosou o seu interese no programa e actualmente está a buscar unha persoa candidata interesada para traballar dentro do seguinte proxecto de tese:
Supervisa: 👩🔬 📩 Camino Gestal
Páxina web do grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
O polbo común,Octopus vulgaris, forma parte dunha rama evolucionada de moluscos que presenta características máis desenvolvidas que o resto do seu grupo, o que o converte nun modelo animal invertebrado moi utilizado. Non obstante, o coñecemento do seu sistema inmunitario é limitado.
O polbo tamén é unha especie comercialmente importante e cuxa acuicultura está en desenvolvemento a nivel industrial. Para protexer este importante recurso pesqueiro en Galicia, actualmente sobreexplotado, e abastecer a demanda do mercado, é necesario desenvolver unha acuicultura eficiente e sostible que garanta a saúde e o benestar dos animais. Para iso, unha das prioridades é a prevención e control das enfermidades, así como a mellora da súa capacidade de defensa e resposta inmune fronte a patóxenos e agresións externas.
O proxecto de tese centrarase na identificación e estudo das moléculas efectoras do sistema inmunitario nestes invertebrados. Utilizaranse ferramentas moleculares de secuenciación masiva como transcriptómica de célula única e proteómica Shotgun para a caracterización de células e identificación de xenes e proteínas implicadas na loita contra os patóxenos e na resposta inmune desta especie.
Requisitos: Licenciatura ou grao en Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar. Valorarase formación en xenética e bioloxía molecular. Nota media mínima esixida: 8.
Contacta coa supervisora do tema de investigación, achegando o teu CV e o teu expediente académico, para obter máis detalles do proceso de selección e solicitude antes do 12 de marzo de 2024.
Ten en conta que unha vez que contactes e se te seleccionamos, a supervisora e ti teredes que discutir, escribir e completar unha solicitude conxunta para a Axencia Galega de Innovación - Xunta de Galicia.
Recomendamos que contactes coa supervisora o antes posible! 👩🔬 📩 Camino Gestal