Investiga no IIM-CSIC | Axudas á Etapa de Formación Posdoutoral da Xunta de Galicia 2024
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo (IIM-CSIC) ofrece 1 tema de investigación para solicitar un contrato posdoutoral connosco, dentro do programa da Axudas de Apoio á Etapa de Formación Posdoutoral da Xunta de Galicia.
A candidata ou candidato deberá ter rematado o seu doutoramento en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2019 (con certas excepcións), e os estudos que deron acceso ao mesmo (Grao, Licenciatura ou equivalente) en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2013. Así mesmo, non pode ter experiencia posdoutoral no estranxeiro superior a 2 anos, nin ter sido seleccionado en convocatorias previas de axudas posdoutorais da Xunta de Galicia ou da Axencia Estatal de Investigación (AEI).
A convocatoria conta con disposicións especiais relacionadas coas persoas que opten á condición de bolseiras Fulbright.
🔴 Novidades desta convocatoria
- Aumentarase a duración das axudas ata un máximo de 6 anos, dividida en dúas fases cunha avaliación intermedia por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, en colaboración coa Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), sendo necesario obter unha avaliación positiva para o acceso á segunda fase da axuda.
- En relación ás estadías, estas terán unha duración do seu período total de desenvolvemento dun mínimo de 20 meses e dun máximo de 24 meses de forma continuada.
O IIM-CSIC é un dos institutos punteiros en investigación mariña de España e ofrece un ambiente ideal para fomentar e consolidar a traxectoria de investigadores en diferentes etapas da súa carreira investigadora. Únete ao Instituto e impulsa a túa investigación con nos!
Por que o IIM?
O Instituto pertence ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a maior organización de investigación pública de España, a terceira de Europa e a sétima do mundo. O IIM-CSIC é un dos institutos líderes en investigación mariña en España, cunha actividade diversa e unidades estratéxicas propias de Internacionalización, Transferencia e Cultura Científica. Con sede na cidade de Vigo, ofrecemos unha contorna de investigación dinámica que impulsa a carreira do noso persoal, ampliando as súas redes de colaboración e aumentando o seu impacto real na sociedade.
Un proxecto para impulsar a túa carreira!
O IIM-CSIC, como institución mariña dedicada á procura de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar, respondendo aos retos globais e ás problemáticas locais, para permitir unha comprensión integral dos ecosistemas mariños.
En canto á convocatoria de Axudas de Apoio á Etapa de Formación Posdoutoral da Xunta de Galicia, a seguinte investigadora amosou o seu interese no programa e actualmente está a buscar unha persoa candidata interesada para traballar dentro do seguinte proxecto:
Supervisa: 👩🔬 📩 Camino Gestal
Páxina web do grupo: Patobioloxía Molecular Mariña
O polbo común,Octopus vulgaris, forma parte dunha rama evolucionada de moluscos que presenta características máis desenvolvidas que o resto do seu grupo, o que o converte nun modelo animal invertebrado moi utilizado. Non obstante, o coñecemento do seu sistema inmunitario é limitado.
O polbo tamén é unha especie comercialmente importante e cuxa acuicultura está en desenvolvemento a nivel industrial. Para protexer este importante recurso pesqueiro en Galicia, actualmente sobreexplotado, e abastecer a demanda do mercado, é necesario desenvolver unha acuicultura eficiente e sostible que garanta a saúde e o benestar dos animais. Para iso, unha das prioridades é a prevención e control das enfermidades, así como a mellora da súa capacidade de defensa e resposta inmune fronte a patóxenos e agresións externas.
O proxecto centrarase na identificación e estudo das moléculas efectoras do sistema inmunitario nestes invertebrados. Utilizaranse ferramentas moleculares de secuenciación masiva como transcriptómica de célula única e proteómica Shotgun para a caracterización de células e identificación de xenes e proteínas implicadas na loita contra os patóxenos e na resposta inmune desta especie.
Contacta coa supervisora do tema de investigación, achegando o teu CV e o teu expediente académico, para obter máis detalles do proceso de selección e solicitude antes do 12 de marzo de 2024.
Ten en conta que unha vez que contactes e se te seleccionamos, a supervisora e ti teredes que discutir, escribir e completar unha solicitude conxunta para a Axencia Galega de Innovación - Xunta de Galicia.
Recomendamos que contactes coa supervisora o antes posible! 👩🔬 📩 Camino Gestal