Nestes días, o IIM coordinou, xunto con outras institucións, 3 das 11 reunións de seguemento, ademais que continuar a súa labor coordinadora do programa xunta o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) da Xunta de Galicia e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigp (CIM – UVigo).

Dende a UCC+I do IIM-CSIC quixemos coñecer, de primeira man, as sensacións que deixaron estas reunións nos seus coordinadores e coordinadoras: ¿como avanza o Programa?¿existen novos retos inesperados?¿cales son os vindeiros pasos?

Descubre, nun par de parágrafos, o que nos contaron sobre os avances do PT5, o PT7 e o PT11.


PT5: integrando módulos de cara ao xemelgo dixital

Coordinan: Eva Balsa Canto (IIM-CSIC) e Moncho Gómez Gesteiro (UVigo)

O PT5 tivo a súa reunión o xoves, 9 de maio. Unha das súas coordinadoras, Eva Balsa, aténdenos dende o seu despacho no Instituto de Investigacións Mariñas. Este paquete de traballo, centrado no desenvolvemento dun xemelgo dixital do mar galego, desenvólvese en diferentes módulos con aplicacións focalizadas no modelado e a integración de datos.

Trala súa reunión, na que se levou a cabo un resumo dos obxectivos acadados, identíficáronse diversos retos, algúns xa detectados no inicio do Programa: "algún dos módulos a desenvolver, como os referidos a Acuicultura Multitrófica Integrada (IMTA), son verdadeiramente innovadores e traballan en campos nos que a ciencia realizou moi poucos estudos de modelaxe ata o de agora. Desenvolver un xemelgo dixital desta envergadura é un reto moi importante."

O paquete presentou avances en diferentes módulos, como o dedicado ao desenvolvemento dun sistema de predicións de inundacións conectado co desenvolvemento dos chamados ríos atmosféricos, que agora pretende seguir traballando na mellora da súa fiabilidade a maior prazo, aplicando por exemplo, ferramentas de Intelixencia Artificial. Tamén se falou doutros módulos, como os dedicados a modelar a distribución de larva de pescada acoplados á hidrodinámica das rías, incorporarán nos próximos meses "novos datos, como os referidos a aspectos máis económicos, que axudarán á súa aplicabilidade nun escenario futuro real".

En resumo, Eva Balsa sinala que "a pesar do diferente grao de desenvolvementos e integración dos diferentes módulos, todos o persoal implicado no PT seguirá traballando nos meses vindeiros para ofrecer novas solucións e innovacións baseadas na colaboración e no coñecemento científico".


PT7: avanza a colaboración entre institucións

Coordinan: José Fernández Babarro (IIM-CSIC) e Fiz Da Costa González (C.O. de Vigo, IEO-CSIC)

Un dos coordinadores do PT7, centrado na produción sostible de bivalvos, comentanos que o paquete continúa segundo o esperado nun inicio. José Fernández Babarro, xefe do grupo de EsMaBa no IIM, indica que este progreso, con todo, presentou certas desviacións “normais cando se traballa con animais vivos no medio natural”.

Con todo, semella que non é o medio natural o único que impón unha certa flexibilidade a uns proxectos que nacen coa vocación de implicar a todos os axentes sociais. A filosofía de escoita e colaboración que baña o Programa levou a que a coordinación considerase algúns cambios no foco do proxecto: “tras as abundantes choivas e as perdas dos últimos meses no sector marisqueiro, as confrarías reclamaron un esforzo máis importante no estudo da produción de ameixa fina” – indica Fernández Babarro.

A espera dos futuros avances nesta liña, o PT7 si conseguiu logros importantes noutras áreas, como as relacionadas co mexillón e coa variabilidade anual na dispoñibilidade de semente, unha fase temperá na vida deste molusco na que se colleita do medio para continuar o seu medre nas cordas das bateas. Neste sentido, o equipo está considerando tamén a influencia da variabilidade ambiental das Rías Baixas.

Como conclusión final, a coordinación destaca un avance moi importante, na liña tamén dun dos grandes obxectivos do Programa, conseguir que a ciencia mariña galega colabore, de forma coordinada, para afrontar os retos do futuro.

“Observamos un cambio na predisposición dos equipos a compartir mostras e información entre diferentes institucións e a colaborar no seo do noso PT”.


PT11: a xeración de coñecemento, un medio para un fin

Coordinan: Xosé Pintado Valverde (IIM-CSIC) e Antonio García Allut (Universidade da Coruña)

Dende o norte, na Universiade da Coruña, responde ás nosas preguntas Antonio García Allut, investigador en Antropoloxía Social e coordinador do PT11, enfocado na vertente máis social do Programa de Ciencias Mariñas para a transformación e o impacto na comunidade da Galicia do mar.

A reunión de seguemento semellou ser de proveito, unha reunión “moi dinámica, moi participativa” e na que “se tocaron os principais puntos axendados”. Coa perspectiva dalgúns días, Antonio considera que estas reunións son “moi productivas. Contribuen a compartir as visións e avances dos participantes, deliberar sobre as posibles interpretacións, consensuar a dirección na que se quere ir, e sobre todo, favorecen a cohesión interna dos investigadores.”

Deste xeito, na xuntanza constataron a situación actual do traballo conxunto das diferentes institucións que, inda con algún atraso, presenta importantes avances en tarefas como as asignadas ao EqualSeaLab. Con todo, o investigador sinala que a reunión non foi en balde neste sentido, xa que “algunha tarefa prevista para datas anteriores, visto a sua complexidade, adiouse con novas datas de execución”.

O PT11 é un dos Paquetes transversais do Programa de Ciencias Mariñas, xunto co PT10 e o PT1, isto implica unha vocación clara de implicar non só ao persoal do propio paquete de traballo se non a persoal doutros paquetes. Segundo Antonio García, foi este un dos retos clave que, sen identificarse de forma explícita, si se sinalou durante a reunión. Tamén de cara o futuro do paquete comentouse a necesidade de inculcar, no persoal investigador, a concepción da xeración de coñecemento como un “medio para un fin”, un fin que “ten que xerar, de algún xeito, cambios sociais relevantes, no conxunto da sociedade.”

More