O IIM participa en Santiago na Asamblea Xeral do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
No encontro participan máis de 150 investigadores e investigadoras de toda a comunidade galega.
Vigo, 27 de outubro de 2023. Arredor de 150 representantes das 14 institucións e centros de investigación que conforman o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, entre os que se atopa persoal investigador, técnico de laboratorio e técnico de xestión, transferencia e cultura científica do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), reúnense hoxe para compartir o avance nos resultados dos traballos executados. Nesta III Asemblea Xeral, que ten lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, búscase presentar, intercambiar e debater sobre resultados de investigación e coñecemento científico no ámbito das ciencias mariñas centrándose nas tres liñas de actuación do plan: observación e monitorización do medio mariño e do litoral, produción acuícola sustentable e coordinación e transformación social e económica para a resiliencia.
Durante esta xornada, abordaranse os avances logrados ata o momento a través dunha quincena de presentacións orais e paneis co propósito de establecer unha estratexia futura máis sostible para o sector mariño galego. Na sesión de tarde terá lugar o obradoiro “Retos multinivel no mexillón: aproximación multidisciplinar dende o Programa de Ciencias Mariñas” no que participarán un total de 40 investigadores e investigadoras.