Sevilla/ Cádiz/ Vigo, xoves, 26 de xaneiro de 2023. Investigadores e investigadoras do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desenvolveron unha metodoloxía que permite, mediante imaxes de satélite, monitorizar dous organismos microscópicos que provocan mareas vermellas nas rías galegas. No estudo, publicado en Science of the Total Environment, observaron os dinoflaxelados (organismos unicelulares que forman parte do microplancto) Noctiluca scintillans e Alexandrium, cuxa presenza pode supoñer a aparición de toxinas na zona.

"A importancia desta investigación radica na posta a punto dunha nova metodoloxía para detectar en detalle a floración de algas en tempo case real, utilizando os satélites Sentinel-2, incluíndo especies nocivas que, en Galicia, debido á acumulación das súas toxinas no marisco causa danos en sectores como o da acuicultura ao supoñer un risco para a saúde humana e animal”, explica Isabel Caballero de Frutos, investigadora do CSIC no ICMAN.

A formación de mareas vermellas é un fenómeno natural, que ás veces pode alertar de floracións de algas nocivas ('HAB', Harmful Algal Blooms), como é o caso dalgunhas especies de Alexandrium. As biotoxinas supoñen un problema frecuente en Galicia durante a época estival, con importantes perdas económicas no sector acuícola relacionadas coa explotación do marisqueo en leitos naturais e cultivos. Os recursos mariños como o mexillón acumulan estacionalmente as toxinas producidas por algunhas especies de fitoplancto, e se alcanzan os niveis máximos permitidos, está prohibida a súa recollida e venda aos consumidores.

As autoras e autores do estudo insisten na necesidade de incorporar estas ferramentas de teledetección gratuítas e públicas aos programas tradicionais de vixilancia. Aínda que por norma xeral as mareas vermellas non adoitan ser tóxicas en Galicia, hai excepcións como Alexandrium no verán de 2018 nas Rías Baixas. "O desenvolvemento destas ferramentas cos satélites do programa europeo Copernicus da Comisión Europea axudaranos a estar mellor preparados durante os períodos de maior risco de aparición de HAB, avanzando na alerta temperá e no seguimento de episodios tóxicos co obxectivo de lograr mellor xestión dos recursos mariños”, explica Amália Maria Sacilotto , investigador do CSIC no ICMAN e autor principal do traballo.

Anos de traballo

O estudo, no que participou persoal investigador do Instituto de Ciencias do Mar de Andalucía (ICMAN-CSIC), do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), combinou mostras de campo recollidas polo IEO-CSIC e IIM-CSIC con imaxes do satélite Sentinel-2 do programa Copernicus da Comisión Europea e da Axencia Espacial Europea (ESA). Deste xeito, o equipo puido identificar e mapear con gran detalle durante os veráns de 2017 e 2021 en tres rías galegas (Vigo, Pontevedra e Corme e Laxe) as mareas vermellas de dous dinoflaxelados, Noctiluca scintillans e Alexandrium, nun espazo cunha resolución de 20 metros.

Grazas a iso elaboraron un índice de detección espectral destes organismos, que se pode aplicar tanto en Galicia como en calquera outra rexión do mundo. "Como complemento aos estudos con imaxes de satélite, é necesario recoller máis datos de campo e que a sociedade estea sempre alerta cando se produce un cambio na cor da auga do mar, para poder calibrar cada vez máis esta metodoloxía", indicou Sacilotto.

 

More