Laura G. Peteiro: "O accidente do Prestige cambiou de inmediato o meu día a día"
Entrevista a Laura G. Peteiro, responsable do IACIC no IIM, sobre a súa perspectiva da crise do Prestige en 2002.
Laura G. Peteiro é, actualmente, a responsable da unidade de Internacionalización e Transferencia do Coñecemento do IIM (IACIC).
Con todo, a súa vida estivo, e segue a estar, moi unida á natureza e á investigación activa. Unha labor investigadora que comezou no grupo “EsMaBa” do IIM, pouco despois daquel mércores no que o Prestige pedía auxilio.
Co recordo do Mar Exeo aínda recente, Laura púxose mans á obra para evitar que as consecuencias do vertido foran a máis, formando parte desa marea branca que salvou, en moitos sentidos, a costa galega.
A que te dedicabas nos días previos ao afundimento do Prestige?
Pois eu acababa de rematar Bioloxía na Universidade da Coruña, e estaba facendo uns cursiños mentres mandaba CVs por aquí e por acolá.
Como soubeches do afundimento? Lembras o que pensaches nese momento? Como foi cambiando a túa percepción do problema co paso dos días?
Estaba cun amigo nunha cafetería o 13 de novembro e escoitámolo na televisión, así que fomos directos á Praia de Sabón, cerca da Coruña, para ver se era verdade ou non que viña o chapapote. E así o vimos. As ondas chegaban manchadas, traendo cada vez máis negrura segundo ía subindo a marea; incluso nós rematamos de chapapote ata os xeonllos, subimos a unha pedra tentando evitar as ondas. Foi moi triste, e irreal ao mesmo tempo.
Sendo nós da Coruña xa nos tocara vivir tamén o Mar Exeo, lembrabámonos perfectamente. Había exactamente 10 anos, en 1992, anuláranse as clases dos institutos de Secundaria de toda a cidade e baixabamos todos en manda para ver aquela imaxe tamén irreal da nube de fume negro diante da Torre de Hércules... semellaba imposible que se repetira a historia outra vez.
Como cambiou o teu traballo o afundimento e a posterior marea negra? Notouse un cambio no día a día do IIM e do teu grupo?
A verdade é que o accidente do Prestige cambiou de inmediato o meu día a día. Comecei a colaborar como voluntaria, identificando e clasificando as aves ‘petroleadas’ que chegaban a costa. Lembro o pronto que se amontoaba nos contedores a pesar de traballarmos de luns a domingo, e da mañá a noite. Estivemos así moitos meses porque isto non foi cousa dun día nin de dúas semanas; unha vez afundido o barco, continuou deitando fuel moitos meses.
A partir desta experiencia comecei a traballar na ONG SEO/BirdLife, e pouco despois no IIM.
No Instituto estudiabamos os efectos que podía ter o derrame de cru na acuicultura do mexillón en Galicia. Basicamente analizabamos como se comportaba, en cultivo, a semente de mexillón que viña de zonas afectadas polo chapapote e comparabámolo coa semente que viña de zonas que se salvaran do envite.
Con respecto ao teu traballo concreto en relación co afundimento, a que conclusións che permitiu chegar?
Polo meu traballo no IIM comprobamos como a semente de mexillón que viña das zonas máis afectadas polo derrame non rendía do mesmo xeito no cultivo, tanto no seu crecemento como na súa composición bioquímica. Por tanto, concluímos que o estrés que sufriu o mexillón por causa do derrame tivo efectos non mortais pero que se estenderon no tempo. Un efecto que foi moito máis alá do que se cuantificou cas medidas de mortalidade nun primeiro momento.
No tocante ao meu traballo con aves mariñas, rexistramos máis de 23.000 aves afectadas nos seis meses seguintes ao accidente, entre España, Portugal e Francia. Esta cifra supón unicamente entre o 10 ou o 20% das totais que se puideron ver afectadas realmente. As que sufriron a peor parte foron as aves que veñen pasar o inverno na costa galega dende as colonias británicas: o arao común (Uria aalgae), o carolo (Alca torda) e o arao papagaio ou ‘frailecillo’ (Fratercula arctica) .
A resposta científica, social e política
Dende a túa perspectiva actual, que aportou a ciencia durante a crise do Prestige? Tívose en conta o coñecemento científico na toma de decisións?
Eu penso que nun primeiro momento o criterio científico foi ignorado, e por iso se andou a danzar co barco de norte a sur. Pero noutros casos si que se favoreceu que a comunidade científica avaliase o impacto sobre o medio mariño e contribuíse nas medidas de recuperación.
Como valoras a resposta que se lle deu á crise dende a administración?
De novo penso que a primeira intención dende a administración foi ocultar os feitos e facer ver que non era unha crise ambiental real, que todo estaba baixo control. Por sorte, a realidade é teimuda e a mentira mantívose moi pouco tempo.
E a resposta cidadá e as limpezas que se realizaron nas praias? Foron determinantes á hora de paliar as consecuencias das mareas negras?
Está claro. A sociedade respondeu cunha solidariedade abafante, tomando o pulso que as autoridades pertinentes non foron capaces de tomar. Reaccionouse rápido e contundentemente para parar a marea, limpar as praias, axudar ás aves mariñas e, en xeral, sinalar a realidade e tomar acción.
O impacto, a recuperación e o futuro
Dende o teu eido de estudo, cales foron os principais impactos que tivo o Prestige para o medio mariño e a costa? Cres que coñecemos, realmente, o alcance do impacto?
Nos anos consecutivos á traxedia repetimos o mesmo estudo a semente de mexillón procedente de zonas máis afectadas e, a verdade, xa non detectamos ningunha diferenza coa que proviña doutras zonas. Así que polo menos para o mexillón, non creo que poidamos dicir que houbera un efecto a longo prazo.
Isto non quere dicir que o impacto para o ecosistema non fose maior; non podemos coñecer o que non se estuda. Por exemplo, no caso das aves mariñas sabemos da perda da última parella de arao común que nidificaba en Galicia. Moitos din que xa non tiña moito futuro pero pode que o Prestige fora a gota que rebordou o vaso.
Que precisaríamos para evitar, de novo, un accidente coma este? E para evitar as súas consecuencias?
Hai novas medidas de seguridade en canto a transporte marítimo, que deben de ser estritamente respectadas.
Que pode aportar a ciencia en futuras crises?
A ciencia pode aportar coñecemento e metodoloxías que melloren os protocolos para que podamos proceder mellor ante catástrofes similares.