As Xentes do mar 2022
O CSIC en Galicia, o Consello da Cultura Galega, e o Concello de Nigrán organizan a Xornada "As Xentes do Mar 2022"
O CSIC en Galicia, o Consello da Cultura Galega, e o Concello de Nigrán organizan a Xornada "As Xentes do Mar 2022", que terá lugar o próximo sábado, 25 de xuño de 2022 ás 20:00 horas na Lonxa de Panxón, en Nigrán.
A actividade que estará moderada por Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia consistirá nun encontro público e conversa entre Laura López, peixeira de Panxón xubilada de 85 anos; Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son, influencer e defensor da sustentabilidade da pesca; e Luisa Iglesias García, Técnica Superior do Grupo de Peixerías do Centro Nacional IEO-CSIC de Vigo. , e o obxectivo da mesma é fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras, a través da traxectoria profesional das persoas convidadas.
O presente ano 2022 foi declarado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas como o Ano Internacional da Pesca Artesanal baixo o lema: “Pequena escala, gran valor” e ao mesmo tempo, enmárcase na celebración do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible ata o ano 2030. Por iso, co gallo destas celebracións e precisamente coincidindo coas festas patronais de Panxón (parroquia de ancestral tradición mariñeira) o Consello da Cultura Galega, o Concello de Nigrán e o CSIC ofrecen esta xornada.