Accede á exposición completa na Galería Virtual

A investigación mariña sae ás rúas olívicas representada baixo a imaxe de mulleres reais que, día a día, traballan pola ciencia dende o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo. A iniciativa "Mulleres de ciencia no teu barrio", adaptación da premiada idea orixinal da Universidad de Zaragoza, encherá as marquesiñas de toda a cidade con fotografías destas traballadoras que, ademais, contarán á cidadanía un pouco sobre as súas afeccións, gustos e intereses fóra do eido da ciencia a través dunha frase presente sobre cada imaxe. Todo para demostrar que as mulleres que fan ciencia son mulleres normais e próximas, e fomentar un achegamento da sociedade ao mundo da investigación e a innovación. A campaña está organizada pola Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC, coa colaboración do Concello de Vigo na instalación das marquesiñas.

O evento consiste nunha exposición de 12 fotografías de investigadoras, investigadoras predoutorais e técnicas do IIM-CSIC en ata 30 valados publicitarios (marquesiñas) cedidos en colaboración polo Concello de Vigo. Todas contarán cunha cita na que a protagonista conta o seu traballo no eido da ciencia así como unha afección ou  interese da súa vida persoal. A instalación comezou o día 6 de febreiro e permanecerá nas rúas até o 27 de febreiro.

Preténdese así romper con estereotipos e reforzar a idea de que a ciencia é próxima e accesible e de que, as mulleres que traballan nela, son un grupo máis de cidadás da nosa cidade con afeccións, amizades, familiares e intereses diversos como calquera outra persoa.

More