Ciencia cidadá na Microrreserva da praia de Lourido
Todos os sábados, de xullo e agosto, e en horario continuado entre as 11 e a 13h, o proxecto Microrreservas de Praia (FECYT) realizará obradoiros na microrreserva creada nas dunas de Lourido, no Concello de Nigrán.
Os talleres de Ciencia Cidadá nas Dunas de Lourido realizaranse todos os sábados de xullo e agosto en horario continuado de 11:00 a 13:00h para todas as idades, e correrán a cargo do equipo de traballo de Hydrosphere (unha spin-off da Universidade de Vigo), a propia Universidade de Vigo (coa participación do Centro de Investigación Mariña e do grupo de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio) e o Consello Superior de Investigacións Científicas a través de dúas unidades de Cultura Científica (CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas).
Os obradoiros céntranse tanto na zona das dunas como na zona de arribazón (onde chegan as algas á costa).
⛱️ Actividades na zona de dunas | Observa e identifica a flora e fauna da duna, contribue á biodiversidade plantando especies autóctonas e eliminando invasoras.
🌊 Actividades na zona de arribazón | Recolle as algas que chegan do mar e identifícaas, realiza unha mostraxe científica para observar a macrofauna da rexión, identifican a especie e as relacións con outras especies (a taxonómía), caza microplásticos na area e avalía o seu impacto no medio.
Ademais, o persoal investigador tamén traballará ao longo do areal para estudar o tipo de sedimento e a súa orixe e para realizar perfís topográficos que acheguen información sobre a morfoloxía da praia e a súa dinámica.
Inscrición por orden de chegada ata completar aforo (máx. 12 persoas)
Saca un #CoastSnap e fai ciencia dende a praia!
Xunto coas actividades relacionadas coa Microrreserva de Lourido, poderás atopar un tótem bastante especial.
Este poste é unha nova base galega do proxecto #CoastSnap de "Centinelas da Costa". Só co teu móbil poderás contribuír a un proxecto científico real para facer un seguimento da evolución da costa ao longo do tempo.
Tira unha foto-snap co teu móbil usando a base, súbeo á aplicación de CoastSnap e fai avanzar a #ciencia baixo o sol do verán!
Descarga CoastSnap para Android
Sobre o proxecto | Microrreservas de praia
O proxecto (financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia, Innovación, e o Concello de Nigrán) pretende crear unha pequena reserva natural en plena Praia América, en Nigrán.
O obxectivo deste proxecto de comunicación científica é cambiar o concepto que se ten das praias e dos sistemas dunares como espazos puramente dedicado ao lecer, por outro máis sostible centrado no valor ecolóxico destes fráxiles ecosistemas litorais.
O proxecto Microrreservas de Praia permitirá crear un espazo para a recuperación das ‘Dunas de Lourido’, que se converterá nunha aula aberta na que se poderá compartir coa sociedade todo o traballo científico e técnico que se fai desde as institucións participantes. Ademais, poderase observar a evolución das dunas e ser testemuñas de como o ecosistema se renaturaliza ao longo do tempo.
Durante todo o proxecto buscarase a participación cidadá e levarán a cabo talleres didácticos e actividades que permitirán coñecer máis sobre estes ecosistemas, a importancia da súa conservación e da recuperación destes espazos.