11F 2025 | Mariñas en Xogo
Ciencia mariña, xogos de mesa, petiscos e un completo plan de visitas a centros educativos completan o programa de este ano do IIM para o 11F - Día Mundial da Muller e Nena na Ciencia.

Co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o IIM-CSIC organiza un completo programa con dúas grandes vertentes, por un lado o evento "Mariñas en Xogo", o día 14 de febreiro, como acto central, polo outro, a continuación da Misión Pedagóxica do Instituto, coa visita a numerosos centros por toda a área metropolitana de Vigo.
Mariñas en Xogo: Ciencia mariña coas mulleres do IIM, xogos en equipo e algo de picar
O evento, "Mariñas en Xogo" é unha oportunidade para achegarse á ciencia mariña da man das técnicas e científicas que traballan no IIM.
🗓️ Venres, 14 de febreiro
⏰ Convocatoria: 18:45h. Apertura: 19h.
🧑🏾🤝🧑🏻 Dirixido a maiores de 16 anos. Entrada libre até completar aforo.
🏠 A Morada - Rúa Enrique X. Macías, 6 - Vigo Pontevedra (📍 Mapa)
Durante o evento escoitaremos as charlas de tres mulleres sobre o seu día a día no mundo da investigación mariña. Isto servirá como aperitivo para o prato forte do noso 11F, o gran xogo de Mariñas en Xogo, onde tres equipos competirán,capitaneados por estas 3 mulleres, nun xogo de probas de todo tipo coa ciencia e a cultura oceánica como tema central.
odo isto nun evento de acceso libre e de balde, até completar capacidade, cun ambiente amigable e lúdico no que o IIM convidará ás persoas asistentes á primeira consumición e a un petisco.
Mariñas en Xogo terá lugar o vindeiro venres 14 de febreiro, de 18:45* a 20:30, no espazo A Morada (Rúa Enrique X. Macías, 6, Vigo). Está organizado pola Unidade de Cultura Científica (UCC+I) do IIM-CSIC, o Servizo de Biblioteca e o Comité de Igualdade e Diversidade do IIM. A apertura de portas será ás 19:00h.
Vén a coñecer ás mulleres que fan ciencia dende Bouzas! Agardámoste o 14 de febreiro en A Morada. Para máis información, podes contactar connsco a través do correo cultura.iim@iim.csic.es.
Misión pedagóxica no 11F
Ademais de Mariñas en Xogo, o IIM-CSIC está a organizar, xunto coas súas traballadoras, un completo programa de visitas a centros escolares da contorna viguesa. Esta continuación da súa Misión Pedagóxica co que pretende chegar a máis de 300 crianzas. O programa céntrase, non só nos grandes centros educativos urbanos, se non tamén en centros da área metropolitana e da bisbarra rural, cunha escasa ou nula oferta de accións divulgativas.
Con esta iniciativa, enraizadas na tradición divulgadora do noso centro, o IIM pretende non só compartir coñecemento e inspirar a cativada galega, se non tamén poñer en valor o rol das mulleres que, día a día, traballan pola ciencia mariña ao carón do Instituto.