Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023. A cidade de Compostela acolle hoxe a II Asemblea Xeral do Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia, organizada polas institucións que coordinan o Programa: o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), xunto co Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e a Universidade de Vigo (UVigo).

Asisten representantes de todas as institucións e dos centros de investigación implicados, Ademais, formando tamén parte do consorcio de investigación previsto para o desenvolvemento do Programa, as Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).

A xornada, que ten lugar en San Martiño Pinario, desenvólvese en horario de mañá e tarde. Pola mañá daránse a coñecer os principais avances producidos nos 11 paquetes de traballo do programa. Pola tarde, levaránse a cabo dous talleres participativos ao redor da “(Política de) Xestión de datos e a súa valoración no Programa de Ciencias Mariñas” e “Acuicultura 2025-30; oportunidades de capitalización do Programa de Ciencias Mariñas”.

O programa, dotado con 10 millóns de euros – 6 procedentes do Ministerio de Ciencia e Innovación, con Fondos do Programa Next Generation EU e 4 da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA)-, pretende transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando para iso o traballo de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo do sector da ciencia e a innovación con e para a sociedade na comunidade galega, cun foco claro e estratéxico na ciencia mariña da comunidade. Busca, por tanto, a colaboración entre a comunidade investigadora galega e o tecido social, económico e institucional das actividades vinculadas ao mar.

Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Illas Canarias, Illes Balears e Murcia son as outras seis comunidades autónomas que están a participar no desenvolvemento do Programa Complementario de Ciencias Mariñas no marco dos Plans Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

More