O IIM avalía a diversidade de anfibios en Madagascar e observa que pode ser o dobre do recoñecido
Os detalles da investigación publícanse na revista Diversity and Distributions
En Madagascar hai 413 especies de ras descritas. Na investigación identificáronse 408 liñaxes diverxentes, entre as que hai 310 novas especies candidatas pendentes dunha revisión taxonómica.
Santiago de Compostela, venres 4 de outubro de 2024. O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), tras a incorporación de David R. Vieites ao grupo INMARE, está a desenvolver investigacións sobre a diversidade de anfibios en Madagascar, que puxo de manifesto a posibilidade de que sexa o dobre do que se recoñece actualmente.
Os detalles da investigación, financiados parcialmente pola Axencia Estatal de Investigación, publícanse na revista "Diversity and Distributions" no artigo “A race against extinction: The challenge to overcome the Linnean amphibian shortfall in tropical biodiversity hotspots”, da autoría de David R. Vieites e Albert Carné, ambos anteriormente vinculados ao Museo Nacional de Ciencias Naturais e actualmente ao IIM.
"Madagascar é un dos países con máis biodiversidade do planeta. Por iso, seleccionouse para abordar, a través desta investigación, a necesidade urxente de explorar e documentar a biodiversidade, especialmente nos puntos quentes de biodiversidade tropicais”, explican.
Para iso, os investigadores analizaron todos os datos xenéticos dispoñibles para as especies de ras de Madagascar, incluídos exemplares non estudados taxonómicamente, co obxectivo final de caracterizar a diversidade de anfibios da illa. Isto permitiu identificar novas especies candidatas xeneticamente moi diverxentes das xa descritas.
“En Madagascar hai 413 especies de ras descritas, e identificamos 408 liñaxes diverxentes entre as que hai 310 novas especies candidatas pendentes dunha revisión taxonómica”, destaca David Vieites, quen explica que “consideramos especies candidatas a aquelas que son xeneticamente moi diverxentes das xa descritas e que poden presentar diferenzas de morfoloxía e canto que as distinguen. Despois desta caracterización, é necesaria unha revisión taxonómica para cualificalas oficialmente como especies.”
Estas especies candidatas non avaliadas anteriormente suxiren que a riqueza de especies de anfibios podería ser case o dobre das estimacións actuais. Así, a investigación destaca importantes lagoas taxonómicas nun dos puntos quentes de biodiversidade máis estudados para os anfibios, facendo fincapé en que incluso áreas ben exploradas aínda poden albergar un gran número de especies sen descubrir. “
“Aínda estamos moi lonxe de saber cantas especies compartimos o planeta, pero sabemos que a maioría delas aínda non foron descritas e, por desgraza, afrontan un futuro pouco prometedor” comenta Albert Carné que está a realizar un doutoramento industrial sobre a diversidade de Madagascar a través dunha colaboración entre a empresa Science and Business e o CSIC.
Os resultados deste estudo suxiren que a diversidade real debe ser moito maior que a que se coñece actualmente en todas as áreas tropicais pouco exploradas.
“Se nun grupo de vertebrados como os anfibios, que son vertebrados coloridos e ben estudados, a diversidade é o dobre da recoñecida, en grupos menos estudados como os invertebrados ou as plantas a diferenza pode ser de maior magnitude ” sinala Vieites. Carné engade que “moitas das novas especies candidatas identificadas atopáronse en zonas xa exploradas, quedando aínda moito bosque virxe que nunca foi estudado. Que pasará nesas zonas tropicais do mundo que están a ser destruídas e das que case non sabemos nada? Cantas especies imos perder sen sequera ter documentada a súa existencia?”
O estudo pide intensificar os esforzos de conservación tendo en conta esta nova diversidade e a necesidade dunha maior exploración nas rexións tropicais menos estudadas.
“Madagascar é un exemplo do que está a suceder en todo o planeta: as rexións máis ricas en especies son as que están a sufrir máis destrución do hábitat, como tamén ocorre no Amazonas ou África central, co perda lóxica da biodiversidade. Moitas das especies das que extraemos compostos que se usan en medicina ou biotecnoloxía proceden destas rexións”, conclúen os investigadores.
INMARE
É un grupo multidisciplinar centrado principalmente en abordar estudos ecolóxicos de organismos mariños mediante enfoques complementarios. As temáticas abranguen un amplo espectro desde a ecoloxía, a bioloxía evolutiva, a xenómica ou a conservación, tanto básicas como aplicadas á xestión dos recursos mariños a nivel de ecosistemas que garantan a conservación da biodiversidade.
INMARE céntrase en xerar o coñecemento necesario para garantir a protección, conservación e uso sostible da biodiversidade mariña, incluídos aqueles recursos que están suxeitos a explotación. Este coñecemento está dirixido a desenvolver os instrumentos necesarios para unha adecuada implantación do enfoque ecosistémico na xestión dos recursos mariños.