Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025. 

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desenvolve nestes momentos un intenso programa de actividades en Galicia para conmemorar o “11F” en liña co promovido noutras comunidades autónomas. “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”.

As propostas están promovidas pola Delegación do CSIC en Galicia, a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, grupo mixto CSIC e Xunta), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e os Centros Oceanográficos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo e A Coruña.

Iniciativas IIM

A UCC+I do IIM celebrará o 14 de febreiro . “Mariñas en Xogo: Ciencias do mar con mulleres do IIM, xogos en equipo e algo para picar” na Morada (Rúa Enrique X. Macías 6, Vigo). Coa convocatoria ás 18.45 horas e apertura de portas ás 19.00 horas, o evento está dirixido a un público maior de 16 anos e a entrada é gratuíta ata completar aforo, cunha consumición incluída.

“Mariñas en Xogo ” contará con tres breves relatorios de mulleres que traballan como investigadoras ou técnicas no IIM, que despois pasarán a capitanear a tres equipos nun xogo de competición con probas relacionadas coa ciencia e a cultura oceánicas. O acto conta co apoio do Servizo de Biblioteca e do Comité de Igualdade e Diversidade do IIM.

Ademais, ao longo do mes o IIM levará a cabo un programa especial dentro das súas Misións Pedagóxicas, coa expectativa de chegar a máis de 300 estudantes da bisbarra de Vigo e arredores, incluíndo núcleos rurais de zonas con escasa ou nula oferta en Cultura Científica.

Iniciativa da Delegación do CSIC en Galicia

A Unidade de Cultura Científica (UCC), no marco do proxecto Faro da Escola, e froito da colaboración con Faro de Vigo, coordina mañá, 11 de febreiro , unha videoconferencia en horario de 10:00 a 11:30 horas. Margarita Lema e Alicia Arenas (MBG) compartirán cos estudantes as súas experiencias e camiños profesionais. Estará dispoñible para ver a partir do día seguinte na canle de YouTube do Faro de Vigo. Participarán alumnos dos últimos cursos de Educación Primaria e Secundaria dos centros educativos da provincia de Pontevedra que poderán formular aos relatores as súas dúbidas e inquedanzas.

Iniciativas MBG

A Comisión de Igualdade e Diversidade e a Unidade de Valorización organizan a mesa redonda “ Mulleres na ciencia: saúde mental”, a cargo de persoal científico-técnico da MBG e a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro . Concíbese como un espazo para compartir e debater sobre a saúde mental das mulleres nas disciplinas STEM. Será mañá, 11 de febreiro , ás 12:00 horas no auditorio MBG-CSIC de Pontevedra.

Previamente á mesa redonda inaugurarase o mural “A MBG en femenino” na sede de MBG en Pontevedra, con imaxes de mulleres que traballan e traballaron en I+D+i nas dúas sedes de MBG (Pontevedra e Santiago).

“Mulleres líderes en ciencia” publicarase nas redes sociais de MBG (Instagram: https://www.instagram.com/biomision/ e X: https://x.com/mbg_csic/) co obxectivo de dar voz e protagonismo á figura feminina da ciencia. Para iso, o persoal de MBG publicará unha imaxe cun breve texto onde se destaque unha figura feminina da ciencia. As publicacións comezarán hoxe, 10 de febreiro, e continuarán durante toda a semana (do 10 ao 14 de febreiro).

Ademais de todo isto, persoal científico e técnico da sede santiaguesa da MBG está a impartir charlas en centros educativos como o CPI de Cova Terreña (Baiona), o CPI Plurilingüe Fonte -Díaz ( Touro ) ou o CEIP Pedrouzos (Brión).

Iniciativas IEGPS

Amparo Rubio, científica superior do CSIC, e María Rivo, técnica de investigación, impartirán o 11 de febreiro ás 13.15 horas no IES de Brión, “Experiencia persoal e investigadora no ámbito da Historia e da Historia da Arte, especialmente na época medieval e moderna” para o alumnado de 4o da ESO.

O 27 de febreiro terá lugar a videoconferencia “Entre dous ríos e dous reinos: a arte románica na antiga diocese de Tui e as relacións artísticas entre Galicia e Portugal”, impartida por Margarita Vázquez Corbal , da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Requírese inscrición previa a través da seguinte ligazón .

Iniciativas INCIPIT

Durante o mes de febreiro, persoal científico e técnico do INCIPIT está a impartir charlas nos centros educativos. Hoxe impartirán no CEIP Santiago Apóstol (Santiago de Compostela) o obradoiro “Mulleres na Ciencia: Historias da Arqueoloxía” e mañá a conferencia “ Nós imos facer ciencia, imos contar ? " no IES Cacheiras (Teo, A Coruña).

Ademais, o alumnado de Educación Infantil do Colexio La Salle (Santiago de Compostela) visitou a sede e instalacións do INCIPIT.

Mañá, como vén facendo ao longo do mes, o INCIPIT publicará nas súas redes sociais (Instagram @ incipit_csic , X @ IncipitCSIC , Facebook Instituto de Ciencias do Patrimonio – Incipit e BlueSky @ incipitcsic.bsky.social ) infografías de investigadores e técnicos e fotografías de todos eles, co fin de que o persoal que traballe no centro presente as súas motivacións individuais de investigación. Estas infografías tamén se expoñen dende hoxe nos centros educativos nos que o INCIPIT desenvolve as súas actividades.

Iniciativas dos Centros Oceanográficos do IEO

O Centro Oceanográfico IEO de Vigo realizará parte das actividades con motivo do 11F no marco do proxecto “CIMAR: Ciencias mariñas cos cinco sentidos”. Por exemplo, o día 20 de febreiro , persoal do centro visitará as instalacións do Hogar e Clínica San Rafael para realizar obradoiros cos usuarios da asociación para achegalos, dun xeito ameno e participativo, ao traballo que desenvolve o Centro Oceanográfico de Vigo, facendo especial fincapé en visibilizar o traballo realizado por investigadores e técnicos. O proxecto achega a ciencia, a tecnoloxía e as actividades de investigación e asesoramento realizadas a colectivos con discapacidade física, intelectual ou sensorial de forma inclusiva , e conta coa colaboración da FECYT.

Ademais, persoal científico-técnico está a realizar obradoiros e charlas en centros educativos da zona de Vigo e tamén de Ourense.

O Centro Oceanográfico da Coruña realizará unha visita guiada ás súas instalacións o 12 de febreiro para o alumnado do CIFP Ánxel Casal e o 25 de febreiro para o alumnado do CPR Calesianos . As visitas inclúen charlas sobre plancto, física oceanográfica e pesca. Acompáñase dunha visita, en data por determinar, de persoal científico e técnico ao Centro Penitenciario de Teixeiro.

More