O CSIC pon en marcha cinco proxectos en Galicia no marco do programa Momentum
- O IIM lidera un destes proxectos, dirixido por Eva Balsa-Canto (IIM) e Patricia González (UDC), coa contratación de Artai Rodríguez Moimenta.
- Os outros 4 proxectos do CSIC Galicia están encabezados pola MBG, o IEGPS e o INCIPIT. Todos inclúen a contratación de persoal durante os 4 anos de duracións da investigación.

Santiago de Compostela/Vigo, 19 de febreiro de 2025. O programa Momentum, posto en marcha polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para posicionar a institución e España como protagonistas no ámbito das competencias dixitais avanzadas, ponse en marcha en Galicia co inicio de cinco proxectos de investigación na Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS-CSIC, Xunta), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC).
Momentum, convocado en xullo, ofertou contratos predoutorais, posdoutorais e de titulados e tituladas superiores cun plan de formación individualizado ao longo dos catro anos de duración do contrato, con posibilidade de estancias noutros centros de investigación, cursos de alta especialización, actividades formativas, mestrados, obradoiros, xornadas e/ou seminarios. Os contratos enmarcábanse dentro de proxectos de investigación.
O IIM aplicará a intelixencia artificial para o melloramento de bioprocesos industriais
No IIM ponse en marcha o proxecto “Xeración de Modelos Predictivos integrando Intelixencia Artificial e Coñecemento Mecanicista de Bioprocesos e Biosistemas na Industria Alimentaria” do grupo de Enxeñaría de Biosistemas e Bioprocesos (Bio2Eng) e para o que se contrata a Artai Rodríguez Moimenta .
O proxecto parte do potencial da modelización de bioloxía computacional para a automatización de bioprocesos e biosistemas nas industrias alimentaria e biotecnolóxica. Propón a formación dun(ha) titulado/a no ámbito do modelado computacional e no desenvolvemento e validación de métodos e ferramentas software para a xeración automática de modelos preditivos. Para conseguilo, integraranse modelos baseados no coñecemento coa aprendizaxe automática. Por último, validaranse tres aplicacións industriais nas áreas de valorización de residuos, fermentación alimentaria e acuicultura multitrófica integrada . A investigadora principal é Eva Balsa-Canto e a co-IP é Patricia González da Universidade da Coruña.
Os outros proxectos do CSIC en Galicia: dende minaría de emocións ao uso de drons na investigación forestal.
Na MBG, trátatse dos proxectos:
“Fenotipado de alto rendemiento dende vehículos aéreos non tripulados en investigación forestal” , un proxecto posto en marcha pola Plataforma Temática Interdisciplinar (PTI) Horizonte Verde e coordinado na MBG a través do grupo de Xenética e Ecoloxía Forestal, a través do cal se contrata á doutora Erica Lombardi. O obxectivo é a formación especializada dun(ha) doutor/a no post-procesamento de imaxes RGB, multiespectrais, hiperespectrais e térmicas, e de datos LiDAR para inferir características fenotípicas de interese en árbores e masas forestais. O investigador principal é Rafael Zas xunto con Jordi Voltas da Universidade de Lleida.
“ Potenciar a bioloxía computacional de microorganismos e plantas con novos métodos de intelixencia artificial e supercomputación”, do grupo de Bioloxía Computacional, para o que está contratado o doutor David R. Penas. O proxecto propón o uso combinado de novos métodos baseados en dúas estratexias: Computación de Alto Rendemento (CAR), co fin de proporcionar a potencia de cálculo necesaria para calibrar, simular e analizar estes sistemas; e novas técnicas de Intelixencia Artificial (IA) para o descubrimento automático de modelos matemáticos a partir de grandes conxuntos de datos. O investigador principal é Julio R. Banga.
O IEGPS pon en marcha o proxecto “Historia e emocións: Caracterización e avaliación de técnicas de lingüística computacional e modelos de linguaxe na minaría de emocións dende fontes históricas” , con Patricia Martín Rodilla como investigadora principal e que inclúe a contratación de Albina Sarymsakova .
O obxectivo principal é caracterizar e avaliar as técnicas de lingüística computacional existentes na minaría de emocións a partir de fontes históricas. Realizaranse, por tanto, tarefas de estudo do estado da arte da lingüística computacional e da minaría de emocións (extracción de emocións do texto), selección de corpus históricos documentais de interese, anotación e avaliación das técnicas sobre os corpus seleccionados, así como avaliación empírica con historiadores e historiadoras dos resultados obtidos. Ademais, o proxecto inclúe a elaboración de guías de usuario para a minaría de emocións en contextos históricos.
No INCIPIT trátase de “Tecnoloxías dixitais e información para o patrimonio cultural”, cuxos principais investigadores son César Parcero Oubiña e César González Pérez e que supuxo a contratación de Jorge Rouco Collazo.
O proxecto pretende desenvolver modelos de xestión da información dixital xerada no ámbito do patrimonio arqueolóxico e cultural. Gran parte desta información é de natureza espacial e caracteriza a localización, a forma e o contexto xeográfico dos bens arqueolóxicos e culturais. Por este motivo, as Tecnoloxías da Información Xeográfica (GIT) son moi utilizadas para a creación de datos dixitais cuxa xestión implica retos como a combinación de información xeoespacial con datos 3D e a conexión de ferramentas como GIS ou BIM.
Momentum
Financiado polo Ministerio de Transformación Dixital e Servizo Público a través de Red.es. Forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), que se articula a través do Plan Nacional de Competencias Dixitais.