SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato comezará ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC, e irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Nesta ocasión, o seminario será impartido por Sofía Consuegra, Investigadora Distinguida do Programa ATRAE, do Grupo de Biotecnoloxía Acuática (ACUABIOTEC).

Sexo, epixenética e cintas de vídeo: análise do papel adaptativo da variabilidade epixenética utilizando peixes endogámicos como modelo

A variación epixenética representa un mecanismo potencial para xerar respostas adaptativas en presenza de baixa diversidade xenética, e podería ser unha fonte alternativa de fenotipos plásticos adaptativos que poden explicar a persistencia de poboacións altamente endogámicas en ambientes variables.

A medida en que as modificacións epixenéticas actúan independentemente da variación xenómica é clave para comprender o seu papel potencial na evolución, e os organismos endogámicos ofrecen unha oportunidade única para separar a variación xenética da epixenética. Os peixes do xénero Kryptolebias son ideais para estes estudos. Kryptolebias marmoratus e K. hermaphroditus son os dous únicos vertebrados autofecundantes coñecidos, e son endogámicos de forma natural. Ó analizar a súa variación xenética e epixenética, o seu comportamento, a composición do microbioma e a súa resposta ás cargas parasitarias no laboratorio e no seu medio natural, atopamos evidencias de que os patróns de metilación do ADN dependen da interacción dinámica entre o xenotipo e o medio.

Non obstante, tamén identificamos efectos parentais epixenéticos relacionados coas condicións ambientais que, se se manteñen a través das xeracións, poden representar unha estratexia evolutiva para as especies con baixa diversidade xenética que se enfrontan a cambios ambientais rápidos.  

Sofía Consuegra

 O seu traballo céntrase fundamentalmente na xenética da conservación, a ecoloxía molecular e a xestión de recursos (pesqueira e acuicultura), fundamentalmente pero non exclusivamente, en organismos acuáticos.

Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Oviedo, traballou durante seis anos como Asesora Científica da Xunta de Cantabria antes de doutorarse en Xenética da Conservación pola Universidade de Cantabria.

Fixo posdoctorados no Instituto de Zooloxía de Londres e na Universidade de St Andrews antes de converterse en profesora na Universidade de Aberystwyth ata 2013 e desde entón catedrática de Ecoloxía Evolutiva na Universidade de Swansea. Actualmente é investigadora distinguida (ATRAE) no IIM.

More