Vigo, 25 de marzo de 2022.- Desenvolver solucións alimentarias para un envellecemento  saudable e baseándose nos principios da economía circular é o obxectivo do proxecto Seafood-Age, en cuxo marco o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está desenvolvendo actividades participativas enfocadas a ese fin con persoas maiores de 65 anos.

Así, e gracias á colaboración de Afundación no marco dos programas da súa área de Maiores, CETMAR organiza o vindeiro 7 de abril de 2022 unha nova actividade na que os asistentes, persoas na citada franxa de idade, poderán participar nunha cata a cegas de produtos alimentarios de recursos mariños.

A xornada, que se desenvolverá na sede de Afundación en Vigo, incluirá a impartición dunha charla sobre alimentación saudable que correrá a cargo dun experto en nutrición. Co fin de que os participantes na cata sexan o mais obxectivos posible, os detalles dos produtos a probar daranse a coñecer ao finalizar a actividade.

O proxecto Seafood-Age, financiado a través do programa europeo Interrreg Espazo Atlántico, está coordinado polo instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e nel participan outros socios galegos ademais de CETMAR, como é o caso das empresas Benboa-Relento, Inxenia e da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín –Opromar-.

O consorcio complétase con organismos de investigación e empresas de países como Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido e Finlandia, como son o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA), International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), Technopole Quimper–Cornouaille, Abbyss Ingredients, National University of Ireland – University College Cork (UCC), Indigo Rock Marine Research Station, Lancaster University, NOTPLA e OULU University of Applied Sciences.

More