With a University Degree (1988) and a PhD (1994) in Biology from the Autonomous University of Madrid, Francisco Saborido Rey started his research work at the IIM in 1989. In 2006 he obtained a position as a senior scientist at the CSIC in the aforementioned center. Between 2012 and 2015 he carried out his research work at the King Abdullah University of Science and Technology in Saudi Arabia, through a research stay.

His lines of research focus on the study of the fishing ecology of exploited species (cod, halibut, halibut and halibut) but also of coastal and tropical species, with the ultimate aim of advising on the state of resources and the measures to achieve an exploitation sustainable

In 2018, he assumed the leadership of the IIM for the first time, which he has just renewed for the next four years.

[Original interview in Galician]


Que che animou a presentar á reelección como director do IIM?

Porque aínda queda moito por facer! O labor do equipo de dirección é duro e demanda unha alta dedicación, pero nestes catro anos conseguimos melloras importantes que penso, sinceramente, que axudaron a crear un mellor Instituto. Antes de pasar o testemuño gustaríame ver estes cambio consolidados e implementar outros que melloren aínda máis o noso centro e o servizo que damos á sociedade.

O traballo nunca remata, pero polo de agora inda temos enerxías e ilusión para levalo a cabo.

Que destacarías do proxecto co que acabas de ser reelixido?

En conexión coa visión do Instituto, considero que é un proxecto cunha vocación transversal, que busca fomentar as colaboracións internas e externas do noso Instituto para conseguir sacar todo o potencial á investigación profundamente multidisciplinar que facemos no IIM.

Este programa busca tamén asentar este labor que iniciamos ao longo destes catro anos. Un traballo de base, que marcará o camiño nos anos vindeiros, e que se traduce nunha nova planificación estratéxica, en novas unidades e servizos, novas oportunidades de grande calado para impulsar a ciencia mariña galega e nun renovado compromiso coa sociedade.

Que balance fas dos catro anos (2018-2022) como director?

Non podo estar máis satisfeito co esforzo e o intenso traballo que desenvolveron os membros do equipo directivo ao longo destes anos.

Cal foi o momento máis complexo?

Sen dúbida, teño que remarcar os meses máis duros da pandemia. Esta traxedia non supuxo só un esforzo extra e inesperado para todo o persoal do IIM, incluído o equipo directivo. Tamén  afectou ao cronograma e aos obxectivos que nos marcaramos en 2018.

Dun día para outro, practicamente todo o persoal tivo que quedar na casa e realizar o seu traballo habitual con novas ferramentas e procedementos ao que ningún estaba acostumado. Outra xente tivo que continuar vindo a Bouzas pola natureza da súa actividade, lidando co risco e a incerteza das primeiras semanas.

O equipo directivo, xunto co de prevención e moitos outros, traballou arreo para desenvolver novos protocolos, conseguir EPIs, manter ao persoal informado e cohesionado, etc. Foi unha experiencia traumática pero que, segundo as enquisas internas realizadas, xestionamos correctamente e que tamén trouxo algúns avances coma a normalización do teletraballo e a dixitalización.

Cal dirías que é o maior logro que desde a dirección alcanzouse neste período?

Por sorte podo contar varios, algúns de maior e outros de menor calado, pero todos eles importantes.

Conseguir superar os peores anos da pandemia cunha alta satisfacción por parte do persoal é, sen dúbida, un logro que destaca aínda máis se contamos con que a produción científica do Instituto non caeu nos PCOs anuais. É un feito moi destacable e un mérito para todas as persoas do noso cadro de persoal.

Neste eido máis científico creo que o inicio do Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia é, quizáis, un dos proxectos máis ilusionantes. Unha verdadeira rede de colaboración entre todas as institucións galegas dedicadas á ciencia mariña, que afunde as súas raíces no máis negro da traxedia do Prestige, cando escribimos unha carta aberta dende o Instituto reclamando a necesidade dunha maior colaboración institucional na fachada atlántica. Tiveron que pasar case 20 anos pero agora, grazas aos fondos NextGeneration, o Programa comeza a dar estes primeiros pasos e, como director, teño a honra de levar a coordinación científica xunto co CETMAR e a Universidade de Vigo.

Logo está tamén, claro, o traslado a unha nova sede na ETEA que se vai, pouco a pouco, facendo realidade. Ao final do ano pasado estivemos a revisar os proxectos presentados ao concurso de ideas: 38 proxectos, cada cal mellor co anterior. Proxectos integradores, verdes e abertos a comunidade. Neste sentido, quédanos agora xestionar a construción e o traslado para que sexa o máis áxil posible e seguir loitando por obter máis financiamento das administración, xa que o actual abocaría ao IIM a dividirse en dúas sedes, coas catastróficas consecuencias que isto traería para a nosa produción científica.

Que quedou “a medio camiño” e que debe iniciarse agora?

Queda, claro está, estabilizar e consolidar as novas estruturas (servizos, unidades estratéxicas, etc.) que creamos durante esta primeira etapa e seguir desenvolvendo outros servizos como a área de Informática. Só así poderán seguir contribuíndo a facer a vida máis fácil ao persoal científico-técnico para que se dediquen ao que mellor saben facer, que é investigar.

Na túa primeira etapa como director o equipo estaba integrado por catro vicedireccións. Que destacarías do traballo realizado en cada unha delas?

Efectivamente, contando polo miúdo, por unha banda contamos coa vicedirección de Investigación, dirixida de principio a fin pola investigadora Eva Balsa Canto. Con ela traballamos pola implantación dunha nova estratexia científica e pola reestruturación da investigación e innovación do IIM para aproveitar ao máximo a altísima multidisciplinariedade do Instituto. O traballo científico que realizamos divídese agora ao longo de tres grandes Plans Transversais de Investigación e Innovación, que vertebran de xeito flexible o traballo en nove liñas e sectores. Unha conceptualización que axudará a fomentar as colaboracións entre grupos e departamentos, dúas estruturas que cremos demasiado ríxidas e estancas. Neste eido cabe destacar tamén o papel en internacionalización e transferencia, a creación da IACIC (unidade estratéxica dedicada a esta labor), e o apoio crecente ao persoal investigador para poder optar a programas de financiamento competitivos como as ERC.

Tamén contamos coa vicedirección de Organización, dirixida por Miguel Gil Coto nunha primeira etapa e por José M. Fernández Babarro nos últimos meses. O seu traballo permitiu fortalecer as conexións institucionais do IIM, en especial coa Universidade de Vigo, e mellorar a coordinación e xestión das nosas infraestruturas común e recursos de investigación e innovación a través da creación da nova Unidade de Apoio Científico-Técnico (UACT).

A vicedirección de Cultura Científica, creada por primeira vez nesta dirección e que atopa poucos equivalentes noutros centros, estivo dirixida polo investigador Xosé (Pepe) Pintado Valverde. Dese traballo cabe destacar, sen dúbida, a creación da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) e a súa acreditación este ano pola FECYT. Xunto coa IACIC, a UCC+I reforzou a nosa imaxe e conexión co exterior. O equipo da UCC+I permitiunos profesionalizar todo o traballo de comunicación e divulgación que se viña facendo no Instituto dende hai décadas; engadindo a este unha mellorada presenza dixital (con nova web incluída) e a participación en proxectos competitivos europeos, congresos e outras redes de colaboración no eido da Cultura Oceánica como a EU4Ocean Platform.

O traballo do Instituto non só debe ser comunicado, se non que temos que ser capaces de escoitar á comunidade que nos rodea e de coñecer o impacto real que a nosa labor ten na sociedade. Agora temos o potencial para facelo e estamos xa traballando nisto, por exemplo, co inicio dun plan de traballo específico dentro do Programa de Ciencia Mariñas.

Por último, quero destacar especialmente o traballo de Jesús (Suso) Mirón como vicedirector técnico. Un cargo que descontinuamos para permitir que Suso se centrase no labor de Prevención de Riscos Laborais que coordinou durante toda a pandemia, xunto a Carmen Piñeiro e outros membros do persoal. De feito, o seu bo facer fai que, a día de hoxe, Suso sexa o delegado de Prevención de todo o CSIC Noroeste dende a súa oficina no IIM.

O novo organigrama do equipo directivo ten cambios. A vicedirección de Investigación pasa a denominarse de Estratexia Científica e Transferencia; créase a vicedirección adxunta de Organización Institucional (antiga vicedirección de Organización) á que se une a vicedirección adxunta de Infraestrutura e Sustentabilidade. Mantense a vicedirección de Cultura Científica. Por que ese deseño?

Pois porque funciona, e ademais moi ben! As catro vicedireccións que me acompañaron na anterior etapa foron esenciais para todo o traballo feito, xa que definen responsabilidades e permiten ao resto de equipo descargarse de traballo.

Os cambios de denominación obedecen a ser, se cadra, máis fieis e transparentes sobre o que fai cada un destes postos.

No caso da nova vicedirección de Estratexia Científica e Transferencia continuará o traballo da vicedirección de Investigación, a partir de agora coa investigadora Marta López Cabo á cabeza. Por outro lado, a vicedirección de Cultura Científica continuará, xunto co seu vicedirector, o labor xa iniciado de potenciar o noso impacto social.

As dúas novas vicedireccións adxuntas, con José M. Fernández Babarro á cabeza da de Organización Institucional e Sonia Dios Vidal da de Infraestruturas e Sostibilidade, buscan repartir a carga de traballo nun momento clave para o IIM. Por un lado, o Plan de Ciencias Mariñas, que suporá un reforzo ás relacións con outras institucións, e por outro, continuar coa dixitalización e mellora dos espazos de traballo, facéndoos máis sostibles e xustos, mentres se xestiona a construción e traslado a unha nova sé.

Ambas responsabilidades conlevan unha alta carga de traballo que consideramos mellor repartir.

Por último, destacar algo importante tamén, en canto á estrutura desta nova etapa, é que traballaremos para crear un verdadeiro Comité Científico Asesor Externo, que avalíe a nosa traxectoria, a nosa capacidade de ser un centro de excelencia e nos asesore na nosa estratexia científica.

Que mensaxe gustaríache emitir nesta nova etapa que inicias ao teu equipo e a todo o persoal do IIM?

Gustaríame pedirlles que sigan tendo esa ilusión que demostraron ata agora polo traballo que realizamos. Ás veces o labor que levamos a cabo pode ser duro e inestable, pero aínda así traballamos nun dos mellores centros de investigación europeos e temos por diante proxectos moi importantes e emocionantes, que nos permitirán medrar e evolucionar, mellorar as condicións nas que traballamos e seguir facendo a ciencia mariña máis punteira, sempre con vocación pública.

Tamén me gustaría transmitir que gran parte desta evolución na que confiamos dende o equipo directivo vai pasar pola colaboración da presidencia do CSIC; non podemos facelo sós. Certamente, tras a visita da nova presidenta ao noso centro en agosto, as nosas sensacións son moi boas e confiamos no bo facer do novo equipo de presidencia, pero o noso persoal e a nosa ciencia precisa acción concretas e reais.

Como acción preferentes destacaría dúas. Primeiro, é urxente que se mellore a situación do persoal do IIM (e de todo o Consello). Temos una das RPT máis baixas de todos os centros de investigación, especialmente do persoal técnico de investigación e de xestión, que sofren tamén da falla dunha carreira propia, dun camiño profesional que recoñeza todo o que aportan á ciencia do noso país con promocións e estabilidade. No contexto dunha enorme burocracia, moitas veces inxustificada, ao que nos enfrontamos todos os días, temos que conseguir sacar a estas persoas do estancamento no que están e conseguir que sigan motivadas e ilusionadas se non queremos quedar atrás. A ciencia é un traballo de equipo.

Tamén pediría apoio e financiamento nun proxecto estratéxico para o CSIC e para Galicia como é o Campus Científico-Tecnolóxico do Mar e, dentro del, a nova sé do IIM. Precisamos un aumento substancial do recursos económicos para este proxecto. Precisamos cartos, vaia, para poder construír unhas instalacións nas que caiba todo o noso persoal e no que podamos seguir medrando con visión de futuro.

Cos fondos actuais, só podemos aspirar a incrementar a nosa superficie un 30%. O edificio actual no que nos atopamos, en Bouzas, estaba proxectado para 150 persoas e, na actualidade, contamos con uns 200 membros no cadro de persoal. Isto obrigaranos a manter dúas sedes, unha en Bouzas e outra en Ríos o que, como xa mencionei, afectará moi negativamente a todo o que podemos aportar á ciencia mariña e a cidadanía.

 

More